A forma
ideal de ensinar unha lingua evolucionou ó longo da historia e así, hoxe en
día, podemos contar con numerosos métodos.
A maioría dos métodos son orixinarios de Europa ou dos Estados Unidos. A
continuación, analizarei os distintos métodos de ensinanza de linguas
estranxeiras, centrándome naqueles europeos e estadounidenses.
Procedente
de Alemaña, a finais do século XVIII, está
o método de gramática e tradución ou método prusiano, que pon énfase nas regras
gramaticais a través da aprendizaxe dedutiva. Este método baséase na
memorización, nas listas bilingües, na literatura e, por suposto, na gramática
e na tradución. Para o método prusiano a aprendizaxe lévase a cabo por medio de
regras gramaticais e, despois, aplícase á tradución de oracións á lingua
materna (L1) ou dende esta á lingua estranxeira ou segunda (L2). Aquí o aspecto
oral e auditivo non importa.
Tras
cuestionar este método, xorde en Boston (Estados Unidos) o método natural ou
método de Gouin, que parte da convición de que a aprendizaxe dunha segunda
lingua segue un proceso similar ó da primeira. Os principios dos que parte este
método son que a partir da pronunciación o/a alumno/a aprende unha lingua, que
a aprendizaxe dunha lingua pode realizarse sen recorrer á lingua materna e a
importancia da comunicación oral. Neste método o/a docente utiliza un sistema
de preguntas e respostas na segunda lingua. O método natural converterase
posteriormente no método directo.
O método directo
ou método Berlitz é o máis estendido de entre todos os métodos naturais. Orixinario
de Alemaña e máis de Francia, este método emprega exclusivamente a segunda
lingua ou lingua meta. Xira en torno ó contido léxico e a ensinanza da
gramática é indutiva, é dicir, a través dun audio ou texto preséntanse as regras.
Realízanse ditados e redaccións para traballar a expresión escrita e utilízanse
obxectos e debuxos para presentar o vocabulario. Co método directo o/a
profesor/a é o auténtico protagonista da clase, este non explica nin dá discursos,
senón que fai preguntas e corrixe os erros do alumnado. Hai moitos detractores
deste método que afirman que carece de base metodolóxica, mais fixo visible
certos problemas que existían na ensinanza das linguas estranxeiras.
Da Gran
Bretaña dos anos vinte procede o método oral e ensino situacional de linguas. Fronte
ás dificultades que supoña o método directo, foron lingüistas como Palmer en
Hornby quen idearon as bases do método oral. Aquí emprégase a lingua meta,
poténciase a destreza comunicativa, ensínase a gramática indutivamente,
deséñanse situacións para usar a lingua meta e concíbese como importante o
vocabulario e a gramática. Este método evolucionou ata converterse na ensinanza
situacional de linguas, entre os anos 50 e 60.
Por aquela
época, en Estados Unidos comézase a dar unha maior importancia ó ensino de
linguas estranxeiras e aparece o método audiolingüe ou método Fries. O
principal obxectivo deste método é o desenvolvemento das competencias de
comprensión e expresión oral, a partir das cales, o/a alumno/a poderá mellorar
a expresión escrita. A secuencia da clase sería: primeiro, unha audición dun
texto; a continuación, traballar oralmente ese texto mediante exercicios de
repetición e memorización e, por último, realizar actividades estruturais orais
e escritas. Este método está baseado nos drills,
que consisten en repetir o escoitado.
Fronte ós
métodos puramente gramaticais, xorde o método comunicativo (Communicative Approach) ou enfoque
nocional-funcional, que dá prioridade ás destrezas comunicativas. Ademais, céntrase
nas necesidades do alumnado, adecúa a lingua a cada situación e inclúe a
interacción entre o/a docente e o/a estudante. Con este método lévanse a cabo
actividades para encher ocos, xogos teatrais ou de rol (role play), realízanse cuestionarios ou enquisas. O método
comunicativo non responde a ningún texto ou autoridade
única, senón que existen distintas versións e interpretacións do mesmo.
Volvendo ós
Estados Unidos, e máis concretamente a California, durante os anos 70 prodúcese
un auxe do método Asher ou tamén chamado resposta física total. Este método
afirma que a memoria se activa pola resposta física do/a alumno/a, a través de
accións apréndese unha lingua. O/a profesor/a concíbese como un director de
teatro e dálle maior importancia á comprensión oral, xa que é fundamental para
despois producir. Neste método non hai libros de textos nin materiais
establecidos, realízanse actividades do tipo «Simón
di».
Xa en
Europa, nos anos 60 Gattegno populariza o método silencioso, que concibe o
proceso de aprendizaxe dunha lingua como un proceso mental. Recibe este nome
porque o/a docente queda relegado a un segundo plano, dándolle protagonismo ó
alumnado. Neste método non se empregan técnicas de repetición nin de imitación,
senón que se usan apoios gráficos e visuais, regretas de cores e mímica. Para o
método silencioso, a lingua preséntase como series de cores nas que se distinguen
as vocais e as consonantes e a gramática non importa, senón a pronunciación.
Normalmente, na aula os/as estudantes séntanse en círculo e interactúan entre
eles.
No ano 1978,
en Bulgaria xurdiu un dos métodos de ensinanza máis innovadores: a
suxestopedia. Este método foi creado polo psiquiatra Lozanov e que afirma que unha
persoa aprende mellor unha lingua se está nun ambiente relaxado e distendido,
por medio da suxestión. A suxestopedia céntrase no vocabulario e na
comunicación oral e a través de carteis, cancións, dramatizacións de lecturas,
xogos teatrais ou de rol créase un contorno agradable no que o/a estudante asimila
mellor os coñecementos. Este método evita a corrección de erros e a avaliación
por métodos formais porque considera que prexudica o ambiente provocando
ansiedade no alumnado.
E, por
último, o método que se emprega actualmente é o enfoque por tarefas, creado no
Reino Unido. Este método susténtase no feito de que a partir dunha «tarefa»
(unha ou máis actividades) desenvólvese a competencia comunicativa do/a
estudante e favorécese a autonomía da aprendizaxe («aprender a aprender»). Para
levar a cabo unha tarefa é necesario aprender a lingua. Co enfoque por tarefas
o/a profesor é o responsable de controlar todas as actividades e o/a alumno/a
participa activamente no proceso de aprendizaxe.
En resumo,
tanto os métodos europeos (método de gramática e tradución, método directo,
método oral, método silencioso, suxestopedia e o enfoque por tarefas) como os
estadounidenses (método natural, método audiolingüe e a resposta física total)
supuxeron un cambio na forma de ver a ensinanza das linguas estranxeiras no seu
momento. Hai que ter en mente que non existe ningún método de ensinanza que
sexa perfecto, todos teñen as súas vantaxes e as súas desvantaxes. Por exemplo,
o método comunicativo ten como parte positiva que atende ás necesidades do
alumnado e que o capacita para unha comunicación real, mais tamén presenta o
inconveniente de que o/a profesor/a require unha gran habilidade á hora de
adecuar o input ó nivel dos/das estudantes. Tampouco hai ningún método que se
adecúe ás necesidades de todos os/as estudantes. É tarefa do/a docente decidir
cal é o método que mellor se axeita ó seu grupo-aula.
0 comentarios:
Publicar un comentario