ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 3: A aula de idiomas 3.0

domingo, 10 de enero de 2016
O estilo de vida dos cidadáns evolucionou ó longo dos anos e trouxo consigo cambios no panorama económico, político, social, ..., e tamén no ámbito da educación. O que valía antes xa non serve agora. Neste contexto de continuo cambio, a sociedade demanda un tipo de aprendizaxe distinta a dos últimos anos, mais, cal é esa aprendizaxe? Que clase de docentes require a sociedade actual? Que características teñen que ter unha aula e o traballo realizado durante o curso para que sexan eficaces?  

A través destas liñas, analizarei brevemente os actores e os valores que a sociedade de hoxe en día precisa nunha aula para que sexa competente. Centrareime, sobre todo, na aula de linguas estranxeiras, xa que é o tema estrela deste blog.

En primeiro lugar, para determinar o tipo de aprendizaxe que require o alumnado actual hai que ter en conta a lexislación educativa. O desenvolvemento da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) impulsou cambios importantes que os centros e os/as docentes debían levar a cabo neste novo contexto educativo. Un destes cambios foi a introdución das competencias básicas no currículo, que afectou ás metodoloxías didácticas, ós criterios de avaliación e á organización escolar. Este enfoque baseado en competencias precisa dunha aprendizaxe verdadeiramente funcional, afastada das tarefas tradicionais.

Representación das «clásicas» tarefas


O alumnado deste século necesita unha aprendizaxe que estimule a súa capacidade para comprender e dominar o seu propio proceso de aprendizaxe (Pérez Gómez, A. I., 2007), que lle axude a desenvolver as competencias básicas, que o motive e que lle ensine valores como o traballo cooperativo, o respecto polas opinións dos demais, a empatía ou a confianza nun mesmo.

En segundo lugar, os actores e as actrices que están inmersos no proceso de aprendizaxe son, sen lugar a dúbidas, o equipo docente e o alumnado. A figura do/a profesor/a é clave para que o/a estudante poida desenvolver todo o seu potencial durante a súa traxectoria persoal e laboral. A sociedade actual demanda dun/dunha docente cunhas características propias, entre as que destacan a capacidade de aprender e de ensinar e o dominio da área de coñecemento que vai impartir (no caso que nos atangue, a lingua estranxeira). Na primeira habilidade inclúense calidades como a paciencia, a disposición de axudar, a empatía, a flexibilidade, a creatividade e a resolución de problemas.
Todas estas características non inflúen só no ámbito das linguas estranxeiras, senón tamén en todas as áreas de coñecemento. A labor do/a profesor/as non é só a de transmitir coñecementos, igualmente debe inculcar valores como os comentados no parágrafo anterior. Para que o grupo aula funcione adecuadamente, o/a docente debe saber identificar as súas necesidades.  
Ademais do equipo docente, a outra figura relevante no proceso de aprendizaxe é o/a alumno/a. O papel do/a estudante é o de deixar de ser un suxeito pasivo, é dicir, non volver a ser un mero receptor de coñecementos. O alumnado ten que participar activamente nos procesos de pescuda, estudo, reflexión, aplicación e comunicación do coñecemento; sempre orientado polo/a docente. Desta maneira, poderá desenvolver as súas competencias e chegará a ser capaz de aprender a aprender.
En terceiro lugar, para que a aula de linguas estranxeiras sexa eficaz é necesario que, tanto o/a profesor/a como o alumnado, se comprometan a dar o mellor de si mesmos/as. Á parte disto, o entorno no que se desenvolve o proceso de aprendizaxe é moi importante. A organización espacial e temporal debería ser máis flexible e creativa, porque moitas veces os horarios impostos non axudan a que o alumnado acade os seus obxectivos e dificultan a entrada de novos proxectos ligados ás realidades culturais, sociais ou naturais (Pérez Gómez, A. I., 2007). O/a docente debe crear un entorno no que o/a alumno/a se sinta libre de probar, reflexionar, errar e resolver os problemas, e así proporcionarlle a confianza que necesita para a súa vida.     


Outro elemento que hai que destacar cando se está a comentar sobre o que debería ter unha aula para ser máis competente é a orientación. A orientación trátase do proceso de axuda continuo a todas as persoas, en todos os seus aspectos co obxecto de potenciar o desenvolvemento humano ó longo de toda a vida (Bisquerra e Álvarez, 1999:9). Neste proceso están inmersos un conxunto de axentes como o equipo docente (xa analizados anteriormente), os/as titores, os/as orientadores e as familias do alumnado. A orientación ten un rol moi importante na formación do/a estudante e que, moitas veces, non se lle da a importancia que merece. A través dela, e máis concretamente mediante a titoría, foméntase o desenvolvemento académico e profesional do alumnado e estimúlanse as estratexias de aprendizaxe para que este poida seguir aprendendo sempre. Unha inadecuada orientación pode ter consecuencias moi negativas na vida do/a estudante, por iso é preciso contar con bos profesionais neste ámbito.
En resumo, nesta sociedade cambiante é preciso que a forma de ensinar se adapte a ela. A ensinanza tradicional xa non vale e hai que innovar para que o alumnado sexa o máis competente posible na súa traxectoria persoal e laboral. Neste contexto, agora os/as estudantes requiren dun modelo de aprendizaxe máis funcional, vinculado as súas necesidades.

Para levar a cabo este tipo de aprendizaxe están os/as docentes, cuxo papel é o de dotar ó alumnado de ferramentas para autorregular o coñecemento, interpretar e comprender a realidade.
Da mesma maneira en que cambia a ensinanza, cambia o alumnado, Así, este debe estar disposto a aprender e participar activamente no proceso de aprendizaxe.

Alén disto, é importante destacar que o entorno no que se produce a ensinanza inflúe no desenvolvemento das tarefas dos/as docentes e dos/as estudantes. É imprescindible que sexa un contorno seguro, no que se favoreza a motivación, a confianza, a cooperación entre iguais e o interese no desenvolvemento das competencias dende unha perspectiva práctica. Tamén é necesario ter presente a importancia de contar con orientadores para que actúen como guía e axuda a todos/as os/as estudantes durante o seu desenvolvemento. Se todos estes elementos cumpren a súa función, a aula na que se imparta calquera área de coñecemento poderá ser un éxito.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Con la tecnología de Blogger.

Licencia de Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Estrategias de innovación docente en el campo de las lenguas extranjeras by Ariana Peiteado Alonso is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Back to Top