É innegable
a importancia que ten a ensinanza e a aprendizaxe das linguas estranxeiras e
todos os países son conscientes disto. Así, cada un deles adoptou as medidas
que pensou que eran as máis oportunas para impulsalas, mais non todos obtiveron
os mesmos resultados. Nestas liñas analizarei o nivel que posúen determinados
países europeos respecto ás linguas estranxeiras, centrándome sobre todo en
España. Ademais, comentarei brevemente as características máis salientables do
sistema educativo finlandés, considerado un dos mellores en Europa, e explicarei
aquelas medidas que o sistema educativo español implantou e que o finlandés
optou por non as aplicar ó consideralas pouco efectivas.
Antes de
avaliar os índices de nivel das linguas estranxeiras nos distintos países da
Unión Europea é preciso determinar cal é a lingua estranxeira que máis se emprega
dende a etapa da educación primaria e que, polo tanto, será considerada como
primeira lingua estranxeira. Para elo, tomei como referencia o informe da Rede
Eurydice sobre a ensinanza de linguas nos centros escolares de
Europa 2012. A Rede Eurydice informa sobre os sistemas educativos europeos e,
segundo o seu informe publicado, o inglés sería a lingua que máis se estuda
como lingua estranxeira en todos os países. A continuación estaría o francés ou
o alemán como segunda lingua estranxeira e o español sería a terceira o cuarta
lingua que máis se ensina.
Unha vez
establecidas a primeira e a segunda lingua estranxeira é hora de analizar o
nivel de competencias en linguas estranxeiras do alumnado europeo. Así, hai
determinados estudos que miden este nivel, como o Estudo Europeo de Competencia
Lingüística (EECL).
Este estudo mostra como a porcentaxe de alumnos/as españois que acadan o nivel
B2 en comprensión oral na primeira
lingua (inglés) é do 12% e como en Suecia ou Malta supera o 70%. Respecto á comprensión lectora, España presenta o
18% que posúen o nivel B2 en contraposición a países como Suecia, Malta ou
Estonia que superan claramente o 40%, de feito, Suecia e Malta logran máis do
60%. E a última competencia que examina o EECL é a expresión escrita, onde só o 9% do alumnado español ten un nivel B2
na primeira lingua estranxeira. De novo, Suecia, Malta e Estonia son os países
que mellores resultados obteñen: máis do 25%. É preciso aclarar que Malta
presenta uns elevados porcentaxes en todas as competencias debido a que foi
unha colonia británica. Neste estudo compróbase como España consigue os peores
resultados na comprensión oral.
Respecto á
segunda lingua estranxeira (francés), España acada bos resultados en
comprensión lectora, tendo en conta que só dous países máis (Portugal e Grecia)
tamén elixiron a lingua francesa como segunda lingua. O caso máis curioso é o
de Suecia, que logra un dos mellores resultados no tocante á primeira lingua
estranxeira (inglés) e un dos peores na segunda lingua (español).
Deste estudo
se desprende o feito de que o nivel de competencia da primeira lingua
estranxeira na maioría de países europeos é superior á segunda e de que o
sistema educativo español aínda ten que esforzarse máis para que o seu alumnado
adquira un alto nivel de competencia nas linguas estranxeiras.
Ó falar de
países cun elevado nivel nas linguas estranxeiras (sobre todo na primeira), non
me podo esquecer de Finlandia. Segundo o último informe de Education First, English Proficiency Index (EPI),
Finlandia ocupa o quinto lugar entre os 70 países avaliados fronte o posto 23
de España. O alto nivel na primeira lingua estranxeira (inglés) en Finlandia
ten a súa orixe na educación.
O éxito do sistema educativo finlandés reside en
varios aspectos que comentarei a continuación. O primeiro aspecto é que a
educación obrigatoria comeza ós 7 anos e se empeza a estudar as linguas
estranxeiras á idade de 9 anos; ademais, a lei establece que sexa gratuíta,
incluíndo o material escolar e o comedor. Un segundo aspecto está relacionado
coa organización da aula. En Finlandia o número de alumnos/as por aula é de 18
e o horario de clase é de 45 minutos con descansos de 15 minutos, tal e como se
pode comprobar no programa de Jordi Évole, Salvados.
Un terceiro aspecto e que é o piar fundamental do sistema educativo finlandés é
a figura do/a docente. O/a profesor/a finlandés/a está altamente preparado: os
finlandeses escollen só os mellores alumnos/as para ser profesores. Outra clave
é o prestixio do que gozan dentro da sociedade e que contribúe a que estean
máis motivados e teñan maior autonomía dentro da aula. Está claro que con estas
características só non se acada o éxito, por iso a sociedade finlandesa conta
cunha serie de valores esenciais como a importancia que se lle dá á
intelixencia e á creatividade.
Unha vez
examinado o sistema educativo finlandés, pódense comprobar as diferenzas co
noso país. España implantou unha serie de medidas que non parecen moi efectivas
para o país nórdico. Así, os alumnos españois comezan a estudar
obrigatoriamente a primeira lingua estranxeira ós 6 anos, antes que os alumnos
finlandeses. Respecto á organización da aula, España conta cun número elevado
de alumnos/as por aula (ata 26),
contrastando co número máis reducido de Finlandia (18). Tamén os alumnos
españois teñen un alto número de horas de clase respecto ó país finlandés (875 horas
lectivas fronte ás 608 de Finlandia). En canto ó tempo dedicado ó estudo ,
os alumnos españois son moi aplicados, segundo o informe PISA
ocupan o quinto posto, en contraposición co país nórdico que se sitúa no último.
Ademais disto, é importante sinalar a visión que ten a sociedade española do/a
docente, que difire moito da finlandesa. O desprestixio dos/as profesores/as
españois está relacionado coa perda da calidade educativa e da autoridade, así
como cos cambios de lexislación sobre a educación dos últimos anos. A sociedade
percibe que o noso sistema educativo non proporciona os resultados esperados e
que os principais responsables de que ocorra isto son os/as profesores/as, polo
que a profesión de docente non se valora como debería.
A modo de
conclusión, a través dos distintos informes comprobouse que España segue a
estar nunha posición inferior respecto ás linguas estranxeiras se se compara
con outros países europeos. Ademais, analizando o sistema educativo de Finlandia,
España debe revisar as súas medidas xa que non comportan unha mellora no
sistema de ensinanza. A solución non radica en imitar o modelo finlandés, xa
que o tema da educación é demasiado complexo para simplificalo a «copiar» o
sistema doutro país. Mais si que hai certas medidas que se poderían aplicar
como a redución de cargas lectivas e o número de alumnos/as por aula ou cambiar
a forma que ten a sociedade de concibir a profesión docente. Ademais disto, a peza fundamental reside na mentalidade da comunidade, non só no tocante ó equipo docente, senón respecto ó proceso de ensinanza-aprendizaxe en xeral. Non só con estas medidas se pode axudar a conseguir unha mellorar no ámbito educativo, senón que é necesario que todos os axentes que están inmersos neste proceso (profesorado, familias, alumnado...) sexan conscientes do seu papel e asuman a súa responsabilidade.
0 comentarios:
Publicar un comentario