Mostrando entradas con la etiqueta currículo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta currículo. Mostrar todas las entradas

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 5: As programacións didácticas vixentes

jueves, 7 de enero de 2016
No ámbito da educación, as programacións están á orde do día. Mais para aquelas persoas que non están familiarizadas con este termo, unha programación didáctica é o instrumento de planificación que presenta o/a docente para que o/a estudante sexa capaz de aprender. Na programación o/a profesor/a organiza e selecciona os coñecementos, as actitudes e as competencias, e marca os obxectivos para garantir o traballo na aula.
Actualmente, unha programación didáctica está baseada segundo o que dita a lei de educación vixente, neste caso, a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), da que xa falei nesta entrada do blog. A principal novidade que amosa a LOMCE no referido á programación didáctica é a introdución duns elementos curriculares (ademais dos que xa había): os estándares de aprendizaxe e os criterios de avaliación. Os primeiros son as especificacións dos criterios de avaliación que permiten definir os resultados das aprendizaxes e que concretan, mediante accións, o que o alumnado debe saber, comprender e saber facer en cada área. E os segundos son os referentes específicos para avaliar a aprendizaxe do alumnado (J. Ramírez, 2014). Elaborar una programación baseada nunha aprendizaxe por competencias, tendo en conta os estándares e os criterios de avaliación, paréceme moi recomendable. Considero que é necesario ter uns criterios concretos de avaliación e uns estándares de aprendizaxe ben definidos para que o/a docente non teña que improvisar no seu traballo e axude a desenvolver as competencias básicas do alumnado.
Á hora de deseñar unha programación didáctica xorden moitas cuestións e que os órganos de goberno encargados de contestar non son capaces de dar unha resposta satisfactoria ós profesionais do ensino. Tras examinar varias programacións na aula, comprobei a diversidade que existe entre unhas e outras. Isto pode acontecer debido ó tempo que se lle concedeu ó equipo docente de cada departamento dos centros educativos. Existen moitas críticas en canto a isto, por parte dos/as profesores, e, neste caso, entendo o motivo destas críticas. O profesorado non tivo o tempo suficiente para elaborar as programacións e tampouco puideron asistir a cursos dedicados á elaboración destas (polo menos, a maioría). Con este panorama paréceme comprensible que haxa tanta disparidade entre cada programación, mais isto tampouco pode ser a tónica habitual. Cómpre que se estableza un período de tempo «coherente» para que cada departamento poida crear con calma a súa programación didáctica. Non hai que esquecer que todo isto se fai para que o alumnado teña unha maior calidade na ensinanza.
Outra cuestión referida á elaboración dunha programación didáctica é a introdución das competencias clave ou básicas. Estas competencias desenvólvense en todas as áreas. As principais competencias que impulsa a LOMCE son a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia dixital. Esta última, a través das Tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), é «unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo de mellora da calidade» (LOMCE, 2013). Parece un pouco irónico que se lle dea tanta importancia cando, aínda hoxe en día, hai moitos centros que non empregan as TIC na aprendizaxe do alumnado. Isto pode deberse a que non teñen os recursos necesarios ou porque non teñen o tempo necesario para empregar estas ferramentas. Tanto se é por unha razón ou por outra, é preciso que se acade unha solución, porque no século no que vivimos é innegable a utilidade e o beneficioso que son as ferramentas dixitais, máis no campo da docencia; claro está, sempre cun uso responsable.
Para finalizar, unha programación didáctica cuns parámetros ben definidos é esencial para a labor do/a docente. Para elaborala é necesario que cada departamento do centro educativo chegue a un consenso en canto ó que se pretende que o alumnado acade nese curso en cuestión, contando cuns estándares e criterios de avaliación claros e sempre seguindo a lei vixente. Tamén hai que realizala segundo un tempo coherente, non se pode aspirar a que o profesorado deseñe una programación perfecta nun tempo récord. Unha programación é demasiado importante como para non lle dedicar o tempo suficiente á súa elaboración. E, por último, simplemente mencionar que todas as competencias clave son moi importantes para a aprendizaxe do alumnado e que é preciso que se desenvolvan dunha forma axeitada. Todo o que implique unha mellora na educación dos/as alumnos/as é fundamental.

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 4: A gamificación e o deseño curricular

Á pregunta de se a gamificación pode ir da man do deseño curricular, a maioría pensaredes que non é posible, mais ó longo deste comentario cambiaredes de opinión.

En primeiro lugar, a gamificación consiste en empregar dinámicas e mecánicas de xogo en medios onde normalmente non se xoga. A gamificación permite que o alumnado falle, probe e descubra novas vías de aprendizaxe. É unha forma de motivar os estudantes e que desenvolvan a súa personalidade e as súas habilidades cognitivas.
En segundo lugar, a través da gamificación presentáronnos o deseño curricular, a priori, un tema pouco motivador para a clase, mais que con este modelo de ensinanza resultou moito máis ameno. Por medio da aplicación Kahoot, unha ferramenta para crear xogos de preguntas e respostas, puidemos mobilizar os nosos coñecementos acerca dos graos de concreción curricular. Así, determinamos que competencias teñen o Goberno do Estado, o Ministerio de Educación, o Goberno Autónomo, así como os centros docentes. O curioso disto é como inflúe a terminoloxía para poder distinguir as distintas competencias que teñen que realizar os distintos órganos. A clave para entendelas ben reside, moitas veces, nunha palabra. Por exemplo, o Goberno do Estado fixa o horario lectivo mínimo e, o Goberno Autónomo, o horario lectivo máximo.
Despois de xogar, toda a clase estaba máis receptiva para prestar atención ó contido. Tras especificar os elementos do currículo (obxectivos, competencias, contidos, estándares de aprendizaxe, criterios de avaliación e metodoloxía) e os graos de concreción curricular, concretamos o currículo básico da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato no ámbito das linguas estranxeiras. Desta maneira, puidemos comprobar que o traballo cooperativo está moi presente na metodoloxía da ESO e de Bacharelato, o cal é moi positivo para que o alumnado respecte e valore a opinión dos demais, avance na aprendizaxe con motivación e esforzo e potencie a creatividade coa elaboración de distintos proxectos (tan de moda agora).  

A continuación, revisamos como están integradas as linguas estranxeiras na Formación Profesional (FP) e verificamos que características debe ter o profesorado neste campo. Así, o equipo docente necesita contar cunha habilitación lingüística nivel B2 para impartir as distintas linguas estranxeiras que están presentes no currículo. Que este sexa o requisito para ensinar ó alumnado unha lingua estranxeira é insuficiente, xa que os estudantes de FP precisan profesionais que teñan un alto dominio da lingua en ámbitos, sobre todo, orais para que poidan desenvolverse no mundo real e cun nivel B2 aínda non se é un usuario competente, polo que dificilmente poderán atender as necesidades deste tipo de alumnado. Deberíase endurecer o nivel de dominio dunha lingua para proporcionar unha mellor educación.
Ó final da sesión, demostrouse como, cun simple cambio na forma de ensinar (grazas á gamificación), temas tan pouco motivadores como, neste caso, o deseño curricular, poden ser tamén divertidos para o alumnado e poden crear ambientes propicios para expoñer a súa opinión sobre, no caso que nos atangue, o establecemento do currículo base das linguas estranxeiras implantado na ESO e Bacharelato da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE). Foi unha forma distinta e motivadora de presentar un contido e resultou unha experiencia moi enriquecedora.
Con la tecnología de Blogger.

Licencia de Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Estrategias de innovación docente en el campo de las lenguas extranjeras by Ariana Peiteado Alonso is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Back to Top