O método
AICLE (CLIL en inglés) correspóndese co acrónimo de Aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira (Content
and Language Integrated Learning). Este método de ensinanza inclúe a
integración das linguas estranxeiras en materias do currículo distintas ás
propias clases de linguas. Aínda que as vantaxes que presenta son numerosas,
tamén posúe desvantaxes que comentarei ó longo destas liñas.
Entre as múltiples vantaxes están que se emprega a lingua de maneira significativa, se desenvolven as competencias básicas, se aumentan as capacidade de aprendizaxe, hai unha maior motivación e que se fomenta o respecto polas demais culturas e as súas respectivas linguas.
Entre as múltiples vantaxes están que se emprega a lingua de maneira significativa, se desenvolven as competencias básicas, se aumentan as capacidade de aprendizaxe, hai unha maior motivación e que se fomenta o respecto polas demais culturas e as súas respectivas linguas.
A pesar
destas vantaxes, AICLE suscita algunhas cuestións que se deben ter en conta.
Así, existe un certo temor a que o alumnado non adquira un alto dominio na
competencia lingüística da súa lingua materna. Desde o meu punto de vista, a
base na lingua materna é fundamental para que calquera alumno/a poida aprender
despois outra lingua, mais se falla esta base, non se pode pretender que
un/unha alumno/a consiga unha boa competencia nas linguas estranxeiras. Unha
vez que o alumnado posúa esa base, é moi importante impulsar métodos que
supoñan unha mellora na aprendizaxe de linguas estranxeiras, pero só cando xa
se teña alcanzada dita base.
Outra
cuestión está relacionada co feito de se o alumnado está preparado para esta
nova forma de ensinanza. Pode ser que a gran parte de alumnos/as dos centros
educativos do noso país teñan o nivel necesario para poder introducir o método
AICLE nas súas aulas, mais moitos outros alumnos/as poden ter dificultade para
expresarse nunha lingua estranxeira e isto pode repercutir negativamente e
inhibilos. Aínda é preciso avaliar se todos teñen as capacidades para que este
método sexa totalmente beneficioso.
Ademais
disto, a pesar de que este método se pode aplicar na maioría das materias do
currículo, existen unhas certas dificultades propias de cada área do
coñecemento. Así temos que na área das ciencias, ó alumnado pode ocasionarlle
problemas o vocabulario específico ou a estrutura complexa característica dos
textos científicos. Na rama das ciencias sociais, os textos conteñen estruturas
difíciles con terminoloxía histórica ou/e política pouco coñecida (en varias
ocasións); desta maneira, pode ser pouco doado para o/a alumno/a escoitar o/a
docente e tomar apuntamentos ó mesmo tempo nunha lingua que non sexa a materna
(Haynes,
1998; 2009).
Alén disto,
o papel do equipo docente é fundamental para aplicar o método AICLE na aula.
Este profesorado necesita ter uns requisitos distintos ó resto de
profesores/as, como un maior tempo de instrución que, a maioría das veces, non
dispoñen. Tamén cómpre que posúan un alto dominio da lingua estranxeira que
impartan mais, por desgraza, moitos non presentan o nivel
suficiente. Entre as tarefas que ten que realizar o equipo docente dunha
materia AICLE está a de que o alumnado aprenda contidos a través de novas
metodoloxías e as TIC, ademais da transmisión das mensaxes. Desde o meu punto
de vista, non vexo beneficioso para o alumnado que o profesorado deste método
non lle dea importancia á forma lingüística e poñan só énfase nos contidos
curriculares e na fluidez. Aprender unha lingua non só implica a competencia
comunicativa, tamén é necesario coñecer os seus aspectos formais co fin de
comprendela mellor. Con este método de ensinanza, os/as profesores/as da lingua
1 quedan relegados a meros «axudantes» do profesorado AICLE, ó ter que
axustarse ó contido impartido por este.
Antes de
finalizar, existen moitos estudos que
mostran o beneficioso que é para o alumnado o método AICLE nas aulas, mais
estes estudos realízanse sempre en condicións favorables, é dicir, cun tipo de
alumnado propenso a ter unha alta competencia nas linguas, cun profesorado con
alto nivel en linguas,... E isto non demostra se realmente este método é útil
nunha situación real.
Considero
que este innovador método de ensinanza supón un gran avance na aprendizaxe de
linguas estranxeiras para o alumnado (tanto de educación primaria como en
secundaria e bacharelato), mais agora mesmo o contexto actual é demasiado
adverso para a súa introdución. Hai demasiados factores que non podemos obviar
e que implican que, a día de hoxe, non se acadarían os resultados esperados.
Sería necesario cambiar o sistema educativo para que se puidera implantar este
método e lograr o obxectivo principal: que o alumnado sexa capaz de empregar a
lingua estranxeira para aprender e comunicarse de maneira independente nas
distintas áreas de coñecemento.
0 comentarios:
Publicar un comentario