No ámbito da
educación, as programacións están á orde do día. Mais para aquelas persoas que
non están familiarizadas con este termo, unha programación didáctica é o
instrumento de planificación que presenta o/a docente para que o/a estudante
sexa capaz de aprender. Na programación o/a profesor/a organiza e selecciona os
coñecementos, as actitudes e as competencias, e marca os obxectivos para
garantir o traballo na aula.
Actualmente,
unha programación didáctica está baseada segundo o que dita a lei de educación
vixente, neste caso, a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE),
da que xa falei nesta entrada do blog.
A principal novidade que amosa a LOMCE no referido á programación didáctica é a
introdución duns elementos curriculares (ademais dos que xa había):
os estándares de aprendizaxe e os criterios de avaliación. Os primeiros son as
especificacións dos criterios de avaliación que permiten definir os resultados
das aprendizaxes e que concretan, mediante accións, o que o alumnado debe
saber, comprender e saber facer en cada área. E os segundos son os referentes
específicos para avaliar a aprendizaxe do alumnado (J. Ramírez, 2014). Elaborar
una programación baseada nunha aprendizaxe por competencias, tendo en conta os
estándares e os criterios de avaliación, paréceme moi recomendable. Considero
que é necesario ter uns criterios concretos de avaliación e uns estándares de
aprendizaxe ben definidos para que o/a docente non teña que improvisar no seu
traballo e axude a desenvolver as competencias básicas do alumnado.
Á hora de
deseñar unha programación didáctica xorden moitas cuestións e que os órganos de
goberno encargados de contestar non son capaces de dar unha resposta
satisfactoria ós profesionais do ensino. Tras examinar varias programacións na
aula, comprobei a diversidade que existe entre unhas e outras. Isto pode
acontecer debido ó tempo que se lle concedeu ó equipo docente de cada
departamento dos centros educativos. Existen moitas críticas en canto a isto,
por parte dos/as profesores, e, neste caso, entendo o motivo destas críticas. O
profesorado non tivo o tempo suficiente para elaborar as programacións e
tampouco puideron asistir a cursos dedicados á elaboración destas (polo menos,
a maioría). Con este panorama paréceme comprensible que haxa tanta disparidade
entre cada programación, mais isto tampouco pode ser a tónica habitual. Cómpre
que se estableza un período de tempo «coherente» para que cada departamento
poida crear con calma a súa programación didáctica. Non hai que esquecer que
todo isto se fai para que o alumnado teña unha maior calidade na ensinanza.
Outra
cuestión referida á elaboración dunha programación didáctica é a introdución
das competencias
clave ou básicas. Estas competencias desenvólvense en todas as áreas. As
principais competencias que impulsa a LOMCE son a competencia en comunicación
lingüística, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e
tecnoloxía e a competencia dixital. Esta última, a través das Tecnoloxías da
información e a comunicación (TIC), é «unha peza fundamental para producir o
cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo de mellora da calidade»
(LOMCE, 2013). Parece un pouco irónico que se lle dea tanta importancia cando,
aínda hoxe en día, hai moitos centros que non empregan as TIC na aprendizaxe do
alumnado. Isto pode deberse a que non teñen os recursos necesarios ou porque
non teñen o tempo necesario para empregar estas ferramentas. Tanto se é por
unha razón ou por outra, é preciso que se acade unha solución, porque no século
no que vivimos é innegable a utilidade e o beneficioso que son as ferramentas
dixitais, máis no campo da docencia; claro está, sempre cun uso responsable.
Para
finalizar, unha programación didáctica cuns parámetros ben definidos é esencial
para a labor do/a docente. Para elaborala é necesario que cada departamento do
centro educativo chegue a un consenso en canto ó que se pretende que o alumnado
acade nese curso en cuestión, contando cuns estándares e criterios de
avaliación claros e sempre seguindo a lei vixente. Tamén hai que realizala
segundo un tempo coherente, non se pode aspirar a que o profesorado deseñe una
programación perfecta nun tempo récord. Unha programación é demasiado
importante como para non lle dedicar o tempo suficiente á súa elaboración. E,
por último, simplemente mencionar que todas as competencias clave son moi
importantes para a aprendizaxe do alumnado e que é preciso que se desenvolvan
dunha forma axeitada. Todo o que implique unha mellora na educación dos/as
alumnos/as é fundamental.
0 comentarios:
Publicar un comentario