Mostrando entradas con la etiqueta LOMCE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta LOMCE. Mostrar todas las entradas

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 3: A aula de idiomas 3.0

domingo, 10 de enero de 2016
O estilo de vida dos cidadáns evolucionou ó longo dos anos e trouxo consigo cambios no panorama económico, político, social, ..., e tamén no ámbito da educación. O que valía antes xa non serve agora. Neste contexto de continuo cambio, a sociedade demanda un tipo de aprendizaxe distinta a dos últimos anos, mais, cal é esa aprendizaxe? Que clase de docentes require a sociedade actual? Que características teñen que ter unha aula e o traballo realizado durante o curso para que sexan eficaces?  

A través destas liñas, analizarei brevemente os actores e os valores que a sociedade de hoxe en día precisa nunha aula para que sexa competente. Centrareime, sobre todo, na aula de linguas estranxeiras, xa que é o tema estrela deste blog.

En primeiro lugar, para determinar o tipo de aprendizaxe que require o alumnado actual hai que ter en conta a lexislación educativa. O desenvolvemento da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) impulsou cambios importantes que os centros e os/as docentes debían levar a cabo neste novo contexto educativo. Un destes cambios foi a introdución das competencias básicas no currículo, que afectou ás metodoloxías didácticas, ós criterios de avaliación e á organización escolar. Este enfoque baseado en competencias precisa dunha aprendizaxe verdadeiramente funcional, afastada das tarefas tradicionais.

Representación das «clásicas» tarefas


O alumnado deste século necesita unha aprendizaxe que estimule a súa capacidade para comprender e dominar o seu propio proceso de aprendizaxe (Pérez Gómez, A. I., 2007), que lle axude a desenvolver as competencias básicas, que o motive e que lle ensine valores como o traballo cooperativo, o respecto polas opinións dos demais, a empatía ou a confianza nun mesmo.

En segundo lugar, os actores e as actrices que están inmersos no proceso de aprendizaxe son, sen lugar a dúbidas, o equipo docente e o alumnado. A figura do/a profesor/a é clave para que o/a estudante poida desenvolver todo o seu potencial durante a súa traxectoria persoal e laboral. A sociedade actual demanda dun/dunha docente cunhas características propias, entre as que destacan a capacidade de aprender e de ensinar e o dominio da área de coñecemento que vai impartir (no caso que nos atangue, a lingua estranxeira). Na primeira habilidade inclúense calidades como a paciencia, a disposición de axudar, a empatía, a flexibilidade, a creatividade e a resolución de problemas.
Todas estas características non inflúen só no ámbito das linguas estranxeiras, senón tamén en todas as áreas de coñecemento. A labor do/a profesor/as non é só a de transmitir coñecementos, igualmente debe inculcar valores como os comentados no parágrafo anterior. Para que o grupo aula funcione adecuadamente, o/a docente debe saber identificar as súas necesidades.  
Ademais do equipo docente, a outra figura relevante no proceso de aprendizaxe é o/a alumno/a. O papel do/a estudante é o de deixar de ser un suxeito pasivo, é dicir, non volver a ser un mero receptor de coñecementos. O alumnado ten que participar activamente nos procesos de pescuda, estudo, reflexión, aplicación e comunicación do coñecemento; sempre orientado polo/a docente. Desta maneira, poderá desenvolver as súas competencias e chegará a ser capaz de aprender a aprender.
En terceiro lugar, para que a aula de linguas estranxeiras sexa eficaz é necesario que, tanto o/a profesor/a como o alumnado, se comprometan a dar o mellor de si mesmos/as. Á parte disto, o entorno no que se desenvolve o proceso de aprendizaxe é moi importante. A organización espacial e temporal debería ser máis flexible e creativa, porque moitas veces os horarios impostos non axudan a que o alumnado acade os seus obxectivos e dificultan a entrada de novos proxectos ligados ás realidades culturais, sociais ou naturais (Pérez Gómez, A. I., 2007). O/a docente debe crear un entorno no que o/a alumno/a se sinta libre de probar, reflexionar, errar e resolver os problemas, e así proporcionarlle a confianza que necesita para a súa vida.     


Outro elemento que hai que destacar cando se está a comentar sobre o que debería ter unha aula para ser máis competente é a orientación. A orientación trátase do proceso de axuda continuo a todas as persoas, en todos os seus aspectos co obxecto de potenciar o desenvolvemento humano ó longo de toda a vida (Bisquerra e Álvarez, 1999:9). Neste proceso están inmersos un conxunto de axentes como o equipo docente (xa analizados anteriormente), os/as titores, os/as orientadores e as familias do alumnado. A orientación ten un rol moi importante na formación do/a estudante e que, moitas veces, non se lle da a importancia que merece. A través dela, e máis concretamente mediante a titoría, foméntase o desenvolvemento académico e profesional do alumnado e estimúlanse as estratexias de aprendizaxe para que este poida seguir aprendendo sempre. Unha inadecuada orientación pode ter consecuencias moi negativas na vida do/a estudante, por iso é preciso contar con bos profesionais neste ámbito.
En resumo, nesta sociedade cambiante é preciso que a forma de ensinar se adapte a ela. A ensinanza tradicional xa non vale e hai que innovar para que o alumnado sexa o máis competente posible na súa traxectoria persoal e laboral. Neste contexto, agora os/as estudantes requiren dun modelo de aprendizaxe máis funcional, vinculado as súas necesidades.

Para levar a cabo este tipo de aprendizaxe están os/as docentes, cuxo papel é o de dotar ó alumnado de ferramentas para autorregular o coñecemento, interpretar e comprender a realidade.
Da mesma maneira en que cambia a ensinanza, cambia o alumnado, Así, este debe estar disposto a aprender e participar activamente no proceso de aprendizaxe.

Alén disto, é importante destacar que o entorno no que se produce a ensinanza inflúe no desenvolvemento das tarefas dos/as docentes e dos/as estudantes. É imprescindible que sexa un contorno seguro, no que se favoreza a motivación, a confianza, a cooperación entre iguais e o interese no desenvolvemento das competencias dende unha perspectiva práctica. Tamén é necesario ter presente a importancia de contar con orientadores para que actúen como guía e axuda a todos/as os/as estudantes durante o seu desenvolvemento. Se todos estes elementos cumpren a súa función, a aula na que se imparta calquera área de coñecemento poderá ser un éxito.

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 2: A LOMCE

sábado, 9 de enero de 2016

A Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (de agora en adiante, LOMCE) é un conxunto de medidas que pretende favorecer as condicións para que todos os alumnos e alumnas poidan acadar o seu desenvolvemento persoal e profesional a través das súas capacidades. Esta lei é unha modificación da Lei orgánica de educación (LOE) que foi implantada o 3 de maio do ano 2006. Nos últimos meses, a LOMCE recibiu moitas críticas por parte do profesorado e polas familias dos/as alumnos/as. A continuación, analizaranse brevemente algunhas das cuestións que teñen que ver co ámbito das linguas, sobre todo, as relacionadas coa primeira lingua estranxeira (que adoita ser a lingua inglesa).

A LOMCE fai fincapé na necesidade de mellorar a aprendizaxe de linguas estranxeiras. Desta maneira, pretende potenciar a educación plurilingüe, dando prioridade á lingua oral sobre a escrita. Isto xorde porque o noso país non obtivo un bo resultado na lingua inglesa, segundo o Estudo Europeo de Competencia Lingüística (2012), e a peor puntuación lévaa a comprensión oral. De aquí que os obxectivos xerais da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) sexan comprender e expresarse de xeito adecuado nunha ou más linguas estranxeiras, e que en Bacharelato lle dean máis importancia a que o alumnado sexa capaz de expresarse con fluidez. Segundo o meu punto de vista, isto supón un erro, xa que dominar unha lingua non implica só  a parte oral; tan importante como poder falala é o feito de poder comprendela e saber escribila de xeito apropiado.

En canto ó nivel de dominio da lingua estranxeira, o último informe EF English Proficiency Index (EPI) publicou que o nivel B1 na lingua inglesa é o que predomina entre os españois actualmente. Respecto ó alumnado, a LOMCE afirma que só o 28%

acada o nivel B1, polo que insiste en fomentar a aprendizaxe da primeira lingua estranxeira e que, polo menos o 50% do alumnado poida lograr o nivel B1. Ante este obxectivo parece un pouco irónico o feito de que a carga lectiva da primeira lingua estranxeira sexa de 3 horas e de 2 horas para a segunda lingua estranxeira. Considero que este número de horas é insuficiente para acadar o nivel que se propón na LOMCE. O proceso de aprendizaxe de calquera lingua require tempo e non se pode pretender que un/unha alumno/a logre ese nivel neste período de tempo.


Outro aspecto que está vinculado cos resultados nas distintas áreas de coñecemento, tamén no referido ás linguas estranxeiras, é a recuperación das avaliacións externas de fin de etapa. Isto é unha das principais novidades que presenta a LOMCE e que provocou moitas críticas. Dende estas liñas non analizarei se é totalmente positiva ou negativa, simplemente gustaríame destacar o feito de que esta medida xorde da necesidade de frear o nivel insuficiente obtido nas distintas probas internacionais como as levadas a cabo pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) baixo o nome de PISA (Programme for International Student Assessment). Dende a miña perspectiva non considero que sexa totalmente beneficioso introducir as avaliacións externas só porque uns informes internacionais así o ditaminen. Por exemplo, no caso do Informe PISA, este mide a literacy, é dicir, a «literacia», que é a capacidade de aplicar coñecementos á realidade. Mais esta capacidade é moi xeral, de verdade só depende do aprendido na escola? Ou depende doutros factores como o entorno familiar? Se é así, por que o Goberno xustifica, en parte, a implantación desta medida polos resultados que mostra este informe? Non a debería establecer por outras razóns e non só por que o diga este informe?
Antes de finalizar, é fundamental que o equipo docente de linguas se estea actualizando constantemente e, para isto, sería beneficioso que contara coa oportunidade de realizar intercambios con outros países nos que a súa lingua sexa a que se imparte nas nosas aulas. Ademais, para que o alumnado adquira ese alto nivel nas linguas estranxeiras é necesario a incorporación en todos os centros de figuras como os auxiliares de conversación, lectores e/ou profesorado en prácticas nativos, xa que son profesionais na súa lingua.
Para resumir, a LOMCE presenta aspectos positivos e outros negativos, os cales comentei nestas liñas. Respecto ó ámbito das linguas estranxeiras, esta Lei aínda ten que revisar os obxectivos e o horario que se marca porque, dende a miña perspectiva, non serve de axuda para o alumnado. Outro aspecto que se debería examinar sería o tipo de avaliacións e comprobar se se realizan por un adecuado motivo ou non. De todas maneiras, esperemos que nun futuro próximo, as medidas que está impoñendo consigan os resultados esperados, polo ben do alumnado.

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 5: As programacións didácticas vixentes

jueves, 7 de enero de 2016
No ámbito da educación, as programacións están á orde do día. Mais para aquelas persoas que non están familiarizadas con este termo, unha programación didáctica é o instrumento de planificación que presenta o/a docente para que o/a estudante sexa capaz de aprender. Na programación o/a profesor/a organiza e selecciona os coñecementos, as actitudes e as competencias, e marca os obxectivos para garantir o traballo na aula.
Actualmente, unha programación didáctica está baseada segundo o que dita a lei de educación vixente, neste caso, a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), da que xa falei nesta entrada do blog. A principal novidade que amosa a LOMCE no referido á programación didáctica é a introdución duns elementos curriculares (ademais dos que xa había): os estándares de aprendizaxe e os criterios de avaliación. Os primeiros son as especificacións dos criterios de avaliación que permiten definir os resultados das aprendizaxes e que concretan, mediante accións, o que o alumnado debe saber, comprender e saber facer en cada área. E os segundos son os referentes específicos para avaliar a aprendizaxe do alumnado (J. Ramírez, 2014). Elaborar una programación baseada nunha aprendizaxe por competencias, tendo en conta os estándares e os criterios de avaliación, paréceme moi recomendable. Considero que é necesario ter uns criterios concretos de avaliación e uns estándares de aprendizaxe ben definidos para que o/a docente non teña que improvisar no seu traballo e axude a desenvolver as competencias básicas do alumnado.
Á hora de deseñar unha programación didáctica xorden moitas cuestións e que os órganos de goberno encargados de contestar non son capaces de dar unha resposta satisfactoria ós profesionais do ensino. Tras examinar varias programacións na aula, comprobei a diversidade que existe entre unhas e outras. Isto pode acontecer debido ó tempo que se lle concedeu ó equipo docente de cada departamento dos centros educativos. Existen moitas críticas en canto a isto, por parte dos/as profesores, e, neste caso, entendo o motivo destas críticas. O profesorado non tivo o tempo suficiente para elaborar as programacións e tampouco puideron asistir a cursos dedicados á elaboración destas (polo menos, a maioría). Con este panorama paréceme comprensible que haxa tanta disparidade entre cada programación, mais isto tampouco pode ser a tónica habitual. Cómpre que se estableza un período de tempo «coherente» para que cada departamento poida crear con calma a súa programación didáctica. Non hai que esquecer que todo isto se fai para que o alumnado teña unha maior calidade na ensinanza.
Outra cuestión referida á elaboración dunha programación didáctica é a introdución das competencias clave ou básicas. Estas competencias desenvólvense en todas as áreas. As principais competencias que impulsa a LOMCE son a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia dixital. Esta última, a través das Tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), é «unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo de mellora da calidade» (LOMCE, 2013). Parece un pouco irónico que se lle dea tanta importancia cando, aínda hoxe en día, hai moitos centros que non empregan as TIC na aprendizaxe do alumnado. Isto pode deberse a que non teñen os recursos necesarios ou porque non teñen o tempo necesario para empregar estas ferramentas. Tanto se é por unha razón ou por outra, é preciso que se acade unha solución, porque no século no que vivimos é innegable a utilidade e o beneficioso que son as ferramentas dixitais, máis no campo da docencia; claro está, sempre cun uso responsable.
Para finalizar, unha programación didáctica cuns parámetros ben definidos é esencial para a labor do/a docente. Para elaborala é necesario que cada departamento do centro educativo chegue a un consenso en canto ó que se pretende que o alumnado acade nese curso en cuestión, contando cuns estándares e criterios de avaliación claros e sempre seguindo a lei vixente. Tamén hai que realizala segundo un tempo coherente, non se pode aspirar a que o profesorado deseñe una programación perfecta nun tempo récord. Unha programación é demasiado importante como para non lle dedicar o tempo suficiente á súa elaboración. E, por último, simplemente mencionar que todas as competencias clave son moi importantes para a aprendizaxe do alumnado e que é preciso que se desenvolvan dunha forma axeitada. Todo o que implique unha mellora na educación dos/as alumnos/as é fundamental.

ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 4: A gamificación e o deseño curricular

Á pregunta de se a gamificación pode ir da man do deseño curricular, a maioría pensaredes que non é posible, mais ó longo deste comentario cambiaredes de opinión.

En primeiro lugar, a gamificación consiste en empregar dinámicas e mecánicas de xogo en medios onde normalmente non se xoga. A gamificación permite que o alumnado falle, probe e descubra novas vías de aprendizaxe. É unha forma de motivar os estudantes e que desenvolvan a súa personalidade e as súas habilidades cognitivas.
En segundo lugar, a través da gamificación presentáronnos o deseño curricular, a priori, un tema pouco motivador para a clase, mais que con este modelo de ensinanza resultou moito máis ameno. Por medio da aplicación Kahoot, unha ferramenta para crear xogos de preguntas e respostas, puidemos mobilizar os nosos coñecementos acerca dos graos de concreción curricular. Así, determinamos que competencias teñen o Goberno do Estado, o Ministerio de Educación, o Goberno Autónomo, así como os centros docentes. O curioso disto é como inflúe a terminoloxía para poder distinguir as distintas competencias que teñen que realizar os distintos órganos. A clave para entendelas ben reside, moitas veces, nunha palabra. Por exemplo, o Goberno do Estado fixa o horario lectivo mínimo e, o Goberno Autónomo, o horario lectivo máximo.
Despois de xogar, toda a clase estaba máis receptiva para prestar atención ó contido. Tras especificar os elementos do currículo (obxectivos, competencias, contidos, estándares de aprendizaxe, criterios de avaliación e metodoloxía) e os graos de concreción curricular, concretamos o currículo básico da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato no ámbito das linguas estranxeiras. Desta maneira, puidemos comprobar que o traballo cooperativo está moi presente na metodoloxía da ESO e de Bacharelato, o cal é moi positivo para que o alumnado respecte e valore a opinión dos demais, avance na aprendizaxe con motivación e esforzo e potencie a creatividade coa elaboración de distintos proxectos (tan de moda agora).  

A continuación, revisamos como están integradas as linguas estranxeiras na Formación Profesional (FP) e verificamos que características debe ter o profesorado neste campo. Así, o equipo docente necesita contar cunha habilitación lingüística nivel B2 para impartir as distintas linguas estranxeiras que están presentes no currículo. Que este sexa o requisito para ensinar ó alumnado unha lingua estranxeira é insuficiente, xa que os estudantes de FP precisan profesionais que teñan un alto dominio da lingua en ámbitos, sobre todo, orais para que poidan desenvolverse no mundo real e cun nivel B2 aínda non se é un usuario competente, polo que dificilmente poderán atender as necesidades deste tipo de alumnado. Deberíase endurecer o nivel de dominio dunha lingua para proporcionar unha mellor educación.
Ó final da sesión, demostrouse como, cun simple cambio na forma de ensinar (grazas á gamificación), temas tan pouco motivadores como, neste caso, o deseño curricular, poden ser tamén divertidos para o alumnado e poden crear ambientes propicios para expoñer a súa opinión sobre, no caso que nos atangue, o establecemento do currículo base das linguas estranxeiras implantado na ESO e Bacharelato da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE). Foi unha forma distinta e motivadora de presentar un contido e resultou unha experiencia moi enriquecedora.
Con la tecnología de Blogger.

Licencia de Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Estrategias de innovación docente en el campo de las lenguas extranjeras by Ariana Peiteado Alonso is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Back to Top