ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 1: O plurilingüismo

lunes, 14 de diciembre de 2015
A existencia de varias linguas na maior parte dos países é unha realidade. Neste contexto defínese o plurilingüismo, que é o coñecemento e o emprego de distintas linguas dependendo do contexto (académico, de negocios...). Este concepto inclúese no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Relacionado co plurilingüismo sitúanse os fenómenos do multilingüismo ou o coñecemento de varias linguas que pode chegar a ter un individuo ou unha sociedade e o bilingüismo, que é a habilidade que ten un individuo para comunicarse en dúas linguas co mesmo nivel de dominio.

No contexto do plurilingüismo xorde a pregunta de se é utópico pretender que exista unha lingua común na Unión Europea (UE) cando está tan presente a realidade do bilingüismo.
Todas as institución políticas importantes de Europa están a favor do plurilingüismo. Así está recollido no MCERL. Non obstante, este factor non exclúe a aparición dunha segunda lingua. Esta situación xa xera conflitos en países como o noso, onde en cada comunidade autónoma existe unha segunda lingua xunto co castelán (o galego en Galiza, o catalán en Cataluña, o éuscaro no País Vasco,…), máis se temos en conta que en Europa xa hai dificultades á hora de aceptar varias linguas de traballo comunitario (inglés, francés…).

Para que a UE teña una lingua común hai que ter en conta unha serie de factores, segundo explica Mark Fettes no seu artigo Europe's Babylon: Towards a single European language? (Unha lingua para Europa? O futuro da Babel Europea).

Este autor explica que o primeiro factor estaría relacionado coas funcións sociais, como se determinarían estas. Esta única lingua non podería estar destinada só a un grupo concreto nin tampouco podería limitarse a un intercambio de información. Cómpre asentar as bases para determinar que papel cumpriría socialmente esta única lingua.

Un segundo factor sería a «aprendibilidade» da lingua, admitindo que se trata dunha segunda lingua nativa e deixando á parte ó bilingüismo. Moitos especialistas da lingua poden aprender e ter un alto nivel de dominio dun número indeterminado de linguas, mais os demais usuarios non teñen as mesmas capacidades. Aquí tamén xorde a dúbida de que se entende por nivel adecuado dunha lingua, cal é o nivel que terían que ter os non nativos desta lingua única. Un individuo domina unha lingua cando é capaz de expresarse co mesmo acento que os nativos ou cando é quen de comunicarse con estes nativos? Estas son algunhas preguntas que aínda suscitan discusión entre os expertos do tema.

Un terceiro factor, e non menos importante, sería a lingua elixida para comunicarse. Moitos de nós pensariamos que sería o inglés, mais sempre se formula esta cuestión: realmente todos os países estarían de acordo en aceptar estas linguas como a única lingua para a comunicación entre os países da UE? É certo que agora xa se dá, en certa medida, esta situación, pero sería distinto se todos os cidadáns da UE, incluídos os franceses ou os españois, tivesen que comunicarse só a través desta única lingua.
Sen lugar a dúbidas, o inglés converteuse na lingua máis votada para ser a candidata para que todos os cidadáns a utilicen. O inglés conta con 1,8 billóns de falantes en todo o mundo e con 328 millóns de nativos. Mais, hai que ter coidado, posto que o castelán tamén podería converterse na lingua común da UE, xa que ten 330 millóns de nativos e 550 millóns de falantes e está por riba de linguas como o portugués ou o francés. É complicado establecer que lingua podería ser a común para toda Europa, sempre haberá algún país que reclame que a súa lingua é a mellor para comunicarse (xa sexa polo seu número de falantes ou pola súa facilidade á hora de aprendelo). É certo que logo está a o esperanto, mais non remata por acadar o seu obxectivo.
En definitiva, dentro do panorama plurilingüe actual que presenta a Unión Europea, a idea de que os seus integrantes se comuniquen cunha única lingua aínda está en desenvolvemento, mais, quen sabe, igual dentro duns anos este mesmo comentario podería estar nunha lingua que a comprendesen todos os cidadáns, e non só un grupo exclusivo deles. De momento, teremos que convivir nunha Europa plurilingüe.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Con la tecnología de Blogger.

Licencia de Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Estrategias de innovación docente en el campo de las lenguas extranjeras by Ariana Peiteado Alonso is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Back to Top